Friday 17 de May de 2024

O renovado ximnasio da piscina municipal da Laracha reabrirase nos primeiros días do novo ano


Na mellora do complexo deportivo Concello e Xunta invisten máis de 180.000 euros.

O Concello ten en execución o proxecto de mellora das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

Ademais de avanzar na actualización das fachadas exteriores e na mellora da impermeabilización, a fase que centra as obras nestes días afecta ás diferentes salas do ximnasio, que están a ser obxecto dunha renovación integral. O alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes, Patricia Bello, e o edil de Obras Públicas, Pablo Cambón, visitaron o complexo -xunto ao responsable da empresa concesionaria da xestión- para supervisar os traballos de colocación do novo pavimento, que presenta dous tipos de superficies adaptadas ás necesidades dos ámbitos de actividades e de musculación. As intervencións culminaranse co pintado de todas as salas e a substitución completa das catro máquinas cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), as dezaseis de musculación e o equipamento de peso libre. Ademais, na sala de spinning xa foi realizada a mellora da climatización.

A previsión do Concello é que o renovado ximnasio reabra nos primeiros días do ano 2024, ofrecéndolles aos usuarios uns equipamentos máis modernos, atractivos, eficientes e confortables para a práctica da actividade física.

As actuacións que restan por realizarse neste complexo deportivo son as da zona do vaso da piscina, onde se actuará para reducir os desbordamentos que se producen na praia, especialmente nos momentos de maior uso da instalación, o que suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

En total o investimento supera os 180.000 euros que cofinancian o Concello con fondos propios municipais e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.